Pista de xeo, Ribaxogo ou musicais son algunhas das propostas de Ribadeo para este nadal.

36

Pista de xeo, Ribaxogo ou musicais son algunhas das propostas de Ribadeo para este Nadal. A programación foi presentada hoxe.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, contou que “a programación do Nadal 2025 en Ribadeo inclúe moitas citas culturais. Ribadeo canta ó Nadal este venres despois do acendido do alumeado navideño. Teremos Noite de Góspel co grupo africano Aba Taano, o día 5 no auditorio, Festival de Nadal da EMMeD o día 13, concerto de Panxoliñas con varias corais o 21 na igrexa parroquial e da Banda Municipal de Música de Ribadeo no auditorio o 27”.

A edil ribadense seguiu a contar: “gozaremos dun concerto a dúo de Ughía Pedreira o 28 dentro da programación Nadal en Rede da Xunta de Galicia E non podían faltar actividades para a picaraxada: teatro familiar con Trécola teatro o 14 ás 17:00, contacontos na biblioteca o 19, maxia o 20 no auditorio e dous musicais: Aladdin e Mago de Oz o 4 e o 10 de xaneiro no auditorio”.

A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, declarou: “damos a benvida ao Nadal: un tempo entrañable, de familia, de amigos, de xuntanzas. E chega cargado de actividades para todos os públicos. Mañá, venres, será a inauguración do alumeado ás sete da tarde dende o cruce das Cuatro Calles, ao mesmo tempo que abre o xa tradicional Mercado do Nadal no Parque de San Francisco”.

Saiz subliñou que “un ano máis contaremos coa pista de xeo e Ribaxogo xunto con actividades culturais, musicais, gastronómicas, … que darán a Ribadeo un dinamismo comercial que seguro aportará un impacto económico moi importante para o sector” E engadiu: “por suposto, hai que agradecer ás entidades asociativas a súa participación e desexarlles a veciños e visitantes que disfruten destas datas: do comercio, da hostalería e de todas as actividades que Ribadeo ofrece”.

No acto de presentación da programación de Nadal participaron o alcalde, Dani Vega, as concelleiras e concelleiros Begoña Sanjurjo, Marta Saiz, Elena Sierra, Francisco José Silvent e Diego dos Santos, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.