Preocupación en Acisa Ribadeo coas medidas cautelares que a Xunta de Galicia está a tomar na praia de As Catedrais

58
Preocupación en Acisa Ribadeo coas medidas cautelares que a Xunta de Galicia está a tomar na praia de As Catedrais

PREOCUPACIÓN EN ACISA RIBADEO COAS MEDIDAS CAUTELARES QUE A XUNTA ESTÁ A TOMAR NA PRAIA DE AS CATEDRAIS

FRANCISCO IRIARTE PROPÓN VARIAS MEDIDAS PARA QUE A XENTE SIGA A GOZAR DESE ESPAZO

PARA ESTE COLECTIVO “O TURISMO E A RIQUEZA QUE XERA EN RIBADEO TEN QUE SER COMPATIBLE COA SEGURIDADE DAS PERSOAS E COA CONSERVACIÓN DESE MONUMENTO NATURAL”

Preocupación en Acisa Ribadeo coas medidas cautelares que a Xunta de Galicia está a tomar na praia de As Catedrais, tras a xuntanza celebrada no día de onte en Lugo entre as tres administracións con competencias no areal, local, autonómica e estatal.

O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Francisco Iriarte, sinala que “estamos a un mes, máis ou menos, do inicio da campaña de verán e estamos preocupados e asustados cos medidas anunciadas pola Xunta de Galicia, á espera de que estean listos os estudos xeolóxicos e xeotécnicos solicitados”.

Iriarte subliña que “Ribadeo, o seu comercio e a súa hostalería, dependen moito das campañas de verán. É a tempada máis forte do ano e consideramos que non se lle deberían poñer trabas aos turistas que teñen previsto visitarnos ao longo dos vindeiros meses. Entre todos debemos dar solucións e non crear problemas engadidos”.

Desde Acisa o seu presidente manifesta que “entendemos e consideramos necesario preservar a seguridade das persoas e tamén a riqueza dese monumento natural, pero iso debe ser compatible co futuro do sector comercial e hostaleiro de Ribadeo”.

E engade: “consideramos que hai moitas medidas que poderían adoptarse para mellorar a xestión de todo o que rodea á praia de As Catedrais. Agora mesmo si os turistas chegan fora das horas da marea baixa o único lugar ao que teñen acceso é a área recreativa que hai alí e o entorno das escaleiras. Nese punto poden xuntarse centos de persoas as fins de semana e as pontes festivas, que case deben darse codazos para poder gozar do mar e das súas vistas. Non poden pasear nin achegarse a facer fotos dos arcos desde a parte superior da praia”.

Francisco Iriarte considera que “para evitar toda a preocupación, as molestias e as críticas que isto está a xerar deberían habilitarse outras fórmulas, como por exemplo acordoar e prohibir o acceso aos cantís máis perigosos, pero permitir que a xente pasee e percorra os sendeiros. Si para iso é preciso poñer vixilancia, que se poña. Outra solución sería a instalación dunha pasarela de madeira que percorra todo o litoral a carón do mar, e pola que sexa obrigatorio transitar, entre As Catedrais e Esteiro. E aínda habería outra posibilidade, si é necesario dar pases e controlar o acceso pola parte superior de As Catedrais, que se faga, ao igual que se fai para baixar á praia. Pensamos que hai moitas solucións, sen ter que chegar ás máis drásticas, que o único que fan é crear preocupación no sector hostaleiro e comercial e dar unha mala imaxe deste monumento natural e de Ribadeo”.

Desde Acisa tamén lles demandan ás autoridades competentes que “antes do verán arranxen a baixada á praia, que se atopa nunhas condicións moi perigosas para as persoas que visitan As Catedrais. Hai xente que está a sufrir caídas e pequenos accidentes e estamos a ver que non se adoptan medidas. Unha pasarela de quita e pon podería ser unha solución axeitada”.

Iriarte insiste en que “o turismo e a riqueza que xera en Ribadeo ten que ser compatible coa seguridade das persoas e coa conservación do medio ambiente natural. Ribadeo non pode permitirse perder a campaña deste verán, porque tras o duro inverno iso levaría ao peche de moitos negocios e non queremos que iso pase”.