
Presentado o cartel do XI Ribadeo Indiano, que terá lugar do 10 ao 12 de xullo.
A organización ultima os detalles da celebración. A programación completa será dada a coñecer dentro duns días.
Na presentación do cartel do Ribadeo Indiano 2026 participaron o alcalde, Dani Vega, as concelleiras e concelleiros Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Francisco José Silvent e Diego Dos Santos, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez.
Concello e Acisa sinalan que “cando chega maio en Ribadeo xa se empeza a respirar o ambiente indiano. Comeza a conta atrás para unha data que atraerá a milleiros de persoas á nosa vila e ás da contorna”. E engaden: “estamos cos últimos detalles para deixar pechado o programa, que presentaremos dentro duns días”.
Mercado de Ultramar
Hoxe foron publicadas as bases de participación no Mercado de Ultramar que se celebrará o 11 de xullo. Esta cita constitúe un dos espazos máis singulares e atractivos do Ribadeo Indiano. Está concibido como un lugar de encontro, ambientación e divulgación histórica que transporta ás persoas visitantes á época de finais do século XIX e principios do XX.
Poderán participar persoas físicas ou xurídicas que desenvolvan actividades relacionadas coa cultura indiana ou coa ambientación propia daqueles tempos. O prazo límite de presentación de solicitudes será o 14 de xuño.
Con carácter orientativo poderán formar parte do Mercado de Ultramar produtos da horta, con especial presenza daqueles chegados das Américas, como patacas, pementos, tomates, millo, etc; produtos latinos de alimentación; café, cacao, chocolates, salazóns, herbas aromáticas ou especias; doces e pasteis típicos da época; xoguetes tradicionais ou de inspiración histórica; roupa, complementos, tocados, camafeos e outros elementos de indumentaria indiana; libros, revistas e artigos de papelería relacionados coa temática indiana ou coa emigración; antigüidades e obxectos de decoración; flores e plantas tropicais; oficios tradicionais: barquilleiros/as, zapateiros/as, zoqueiros/as, entre outros; servizos de realización de peiteados e colocación de tocados; e outras actividades ou produtos relacionados coa temática ultramarina, indiana ou coa ambientación histórica do mercado.
















