RIBADEO ACOLLERÁ UN CENTRO DE OCIO INFANTIL E XUVENIL, RIBAXOGO, DO 21 DESTE MES AO 5 DE XANEIRO NUNHA GRAN CARPA INSTALADA NO PARQUE DE SAN FRANCISCO.

Ribadeo acollerá este Nadal un centro de ocio infantil e xuvenil desde o día 21 deste mes ata o 5 de xaneiro nunha carpa de grandes dimensións instalada no parque de San Francisco. Aquelas persoas que fagan as súas compras ou consumicións nos locais asociados a Acisa obterán descontos do 50% nos prezos das entradas. RibaXogo foi presentado no salón de plenos do Concello.

O concelleiro de Comercio e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, subliñou que “esta iniciativa, denominada RibaXogo, chega a Ribadeo para desfrutar do Nadal e tamén par animar as vendas e dinamizar o comercio local, precisamente nestes momentos de maior actividade e como un gran atractivo do comercio local”. RibaXogo está organizado polo Concello ribadense coa colaboración de Acisa.

Vizoso dixo que “en RibaXogo haberá numerosas atraccións para nen@s e rapaces de todas as idades: multicircuíto de cars (a pedais) ou bañeiras tolas, simulador de surf, espazo infantil e para obradoiros, rokomonte, barredora ou wipe out, parede interactiva e, ademais, nunha parte anexa á carpa estará a atracción Battle Area para xogar con dispositivos Nerf, lanzamento de bolas de esponxa nun xogo de equipos e de estratexia. outras. Tamén se desenvolverán diversas actividades de forma alterna case todos os días como visitas de Papá Noel ou do carteiro real, futbolín humano, Mini Láser Tag no exterior da carpa, karaoke, Mascota Disney, xogos xigantes, contacontos, xogos tradicionais, visita do Apalpador, fotomatón con Digital Chroma, etcétera”.

O edil ribadense contou que “RibaXogo estará aberto todos os días desde o 21 deste mes ata o 5 de xaneiro, excepto o 25 de decembro e o 1 de xaneiro. De luns a xoves o horario de apertura será de 17 a 21 horas e os venres, sábados e domingos funcionará ademais de 12 a 14 horas e tamén polas tardes de 17 a 21 horas. Os días 24 e 31 de decembro, é dicir Noiteboa e Anovello, abrirá de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Os prezos para gozar das atraccións e actividades de RibaXogo son de 3 euros polas mañás e de 5 euros para toda a xornada. Os que presenten tíckets dos establecementos asociados a Acisa Ribadeo terán un desconto do 50 por cento”.

Pablo Vizoso subliñou que “RibaXogo é unha iniciativa coa que se pretende atraer a nenos e nenas, rapaces e rapazas de todas as idades porque hai diferentes atraccións e actividades que lles encantan desde os mais pequenos e tamén so que xa non son tan pequenos. Ademais algunhas delas son novas e será a primeira vez que se instalen na Mariña, sobre todo nesta combinación de actividades cunha duración tan prolongada e cuns prezos reducidos, aínda máis co desconto que se aplicará aos que presenten tíckets das compras ou consumicións feitas nos establecementos asociados a Acisa”.

O concelleiro de Comercio e Desenvolvemento Local engadiu: “pero a oferta do Nadal en Ribadeo non só é Ribaxogo, a programación de Nadal complétase, grazas ás Concellarías de Mocidade e de Cultura, coa XXV edición do Festival de Panxoliñas a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo, cun curso de iniciación á robótica e outro de programación de móbiles android, co concerto da Banda Municipal de Ribadeo Aquí como en Viena, coa VII edición dos Cantos de Nadal e con diversas actividades teatrais a través do programa Apego e, por suposto, coa Cabalgata de Reis”.

Vizoso rematou a súa intervención animando “á xente de Ribadeo, e tamén doutros concellos tanto da Mariña como de Asturias, a que se acheguen á nosa vila durante o Nadal porque a oferta lúdica, de ocio e cultural que van atopar é moi interesante e deseñouse pensando en todas as idades, ademais do agradable que resulta desfrutar de Ribadeo nunha época coma esta do Nadal”.

Pola súa banda, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, sinalou que “outra vez máis a colaboración do Concello e Acisa, cada un dentro das súas posibilidades, volve poñerse de manifesto polo Nadal. Tras varios anos coa pista de xeo, unha iniciativa coa que fomos pioneiros en Asturias e Lugo, este ano chega RibaXogo, que cubre un abanico máis amplo de idades”.

Iriarte manifestou que “perseguimos facer de Ribadeo o centro do Nadal en Asturias e Lugo”. E subliñou que “aquelas persoas que fagan as súas compras ou consumicións nos establecementos asociados terán un desconto do 50% nas entradas para RibaXogo. Quero darlle as grazas ao Concello pola súa colaboración e agardamos que RibaXogo sexa do agrado de todos os ribadenses e visitantes”.

No acto de presentación de RibaXogo participaron o alcalde, Fernando Suárez, os concelleiros de Comercio e Mocidade, Pablo Vizoso e Mariluz Álvarez, así coma o presidente e o xerente de Acisa, Francisco Iriarte e Jesús Pérez.