Ribadeo Indiano 2017

ACISA PON Á VENDA NOVO MERCHANDISING DO RIBADEO INDIANO E TAMÉN COMERCIALIZA OS ARTIGOS DE EDICIÓNS ANTERIORES DA FESTA.

A DIRECTIVA DESTACA O TRABALLO CONXUNTO REALIZADO CO CONCELLO PARA QUE A FESTA MEDRE E MELLORE ANO A ANO.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) de Ribadeo pon á venda desde este mércores, 5 de xullo, novo merchandising do Ribadeo Indiano e tamén comercializa os artigos de edicións anteriores da festa.

A directiva de ACISA explica que “poderán comprarse postais das catro edicións da festa, cuncas e imáns das dúas últimas edicións, así como o tradicional sombreiro indiano ou os divertidos yo-yos. As cuncas desta edición, que son metálicas e teñen unha estética máis propia da época, venderanse a 10 euros, mentres que as de 2016 teñen un prezo de 9 euros. Os imáns son a 3 euros, pero mercando dous, desta edición ou da pasada, saen por 5 euros. Cada postal ten un prezo de 1 euro, pero os catro modelos saen por 2,50 euros. Os yo-yos venderanse a 5 euros e o prezo do sombreiro é de 6 euros. Estes produtos estarán á venda na tenda R23 desde este mércores ata o sábado día 8 e tamén no posto oficial que ACISA e o Concello terán no Mercado de Ultramar”.

A asociación destaca que “dese ACISA Ribadeo traballamos xunto ao Concello de Ribadeo para que cada ano o Ribadeo Indiano creza e mellore, porque este é un evento que sen a cooperación entre as dúas entidades, tanto en medios como con persoal e economicamente, non se podería realizar. Co afán de facer de Ribadeo un referente turístico ACISA mantén e incrementa o seu compromiso con esta festa, un dos eventos que máis investimento supón para a nosa asociación e que os nosos asociados máis aprecian e valoran. Desde a asociación, xunto ao Concello, achegamos financiamento para a decoración de Ribadeo, adornando as rúas onde están os negocios de case un 90 por cento dos socios, aportamos un pack decorativo a todos os nosos asociados para que poidan decorar os seus escaparates, fachadas e terrazas con faroliños, banderíns e flocos. Como novidade, este ano a asociación vai prover aos membros que o solicitasen de follas de palmeira para adornar os seus negocios. Tamén haberá o vaso oficial do Ribadeo Indiano en algúns dos establecementos hostaleiros asociados: La Galería 56, Porta Norte, La Nueva Cervecería, El Rincón del Gordo, Mareta, Mediante, Linares e La Lira.

O colectivo empresarial tamén salienta “a achega que ACISA realiza no apartado musical, clave para que unha festa sexa divertida y amena. Contaremos cun grupo de mariachis e unha charanga, que durante toda a xornada do sábado amenizarán as rúas que están máis lonxe do núcleo principal da festa e tamén actuarán nas casas de comidas e bebidas e nas zonas comerciais”.

Ademais ACISA anima “a participar a todos os ribadenses nesta festa, que é nosa; que se vistan de época, que adornen as súas fachadas con flores, que decoren os seus negocios e, sobre todo, que gocen desta nova edición do Ribadeo Indiano” e anuncia que “para ir abrindo boca xa está publicado en facebook e na páxina web do evento o vídeo promocional deste ano, que xa ten case 20.000 reproducións. Na súa gravación participaron moitas persoas, ás que llo agradecemos enormemente, e foi rodado e editado por un dos nosos asociados: ElFarero Audiovisuales.

A asociación remata agradecendo “o labor do Concello de Ribadeo, como coorganizador desta festa; a todas as persoas que dunha ou doutra forma colaboran para sacala adiante; ao persoal técnico tanto de ACISA como do Concello; aos membros da corporación municipal e da directiva da asociación; a todos os que coordinan, montan e organizan as diferentes actividades; a todas as personalidades que veñen impartir conferencias e charlas, a facer de guías; e a todos aqueles que forman parte da festa: os grupos de música, as corais polifónicas, o grupo de teatro de Ribadeo, …. Agardamos que todos as gocemos como se merece”.