Ribadeo levate a Cuba é a nova campaña de ACISA na que se repartiran 100.000 rifas entre o 24 de xuño e o 10 de xullo para participar no sorteo dunha viaxe ao país caribeño para dúas persoas. As papeletas entregaranse por mercar e consumir nos locais asociados.

227

Os establecementos asociados a Acisa repartirán 100.000 rifas que se porán en circulación dende mañá, 24 de xuño, ata o 10 de xullo, xornada na que terá lugar o sorteo da viaxe a Cuba no marco do Ribadeo Indiano.

 

Segundo indicou Jesús Pérez, xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, “dende Acisa quixemos poñer os máximos recursos posibles a disposición dos nosos socios e socias, para contribuír a facer o mellor Ribadeo Indiano e deste xeito fomentar tamén a economía local, tanto no comercio, coma na hostalaría e nos servizos, por iso nesta nova edición repetimos o sorteo dunha viaxe para dúas persoas a Cuba. Somos conscientes do éxito que tivo esta iniciativa na edición do ano 2019 e por iso nos podía faltar este ano. Dende Acisa estamos a traballar en premiar e fidelizar as compras na nosa vila nunha época na que comezan as rebaixas e aumenta a afluencia turística e sen dubida este sorteo axuda”.

Desde a organización do Ribadeo Indiano, Concello e Acisa, explican que “a viaxe que se sortea é para dúas persoas e será para desfrutar do 2 ao 10 de setembro. O premio cubre o vo de Madrid á Habana, o traslado posterior ao aeroporto, a habitación dobre con aloxamento e almorzo no hotel Habana Tryp Habana Librer de 4 estrelas durante 3 noites, o traslado desde a Habana a Varadero, habitación dobre con todo incluído 4 noites no hotel Meliá Península Varadero de 5 estrelas. Inclúe tamén vo desde a Habana a Madrid, o visado a Cuba e o seguro de viaxe”.

O xerente de Acisa asegurou que “participar no sorteo é moi sinxelo. As rifas estarán a disposición dos clientes nos establecementos asociados a Acisa do 24 de xuño o 10 de xullo. O único que teñen que facer é pedir as rifas tras o gasto realizado. As papeletas deberán ir debidamente seladas polos establecementos e cubertas con nome, apelidos e DNI do cliente, que será quen conserve as rifas no seu poder ata o 10 de xullo, xornada na que de 11:00 a 21:30 horas poderán introducilas na urna do sorteo no posto que estará situado na Praziña de San Roque. O sorteo terá lugar de forma presencial tras a actuación da mexicana Lila Downs nese mesmo escenario. Alí collerase unha rifa da urna, e dirase o nome por megafonía dando 5 minutos de tempo para que apareza o premiado. De non presentarse nese tempo volverase sortear cantas veces faga falta ata entregar o premio. A persoa gañadora deberá acreditar que o seu número de DNI coincide co escrito na papeleta premiada”.

Jesús Pérez advirte “non serán validas as papeletas sen algún dos datos persoais ou sen o selo do establecemento. As bases do sorteo e o listado de establecementos adheridos están dispoñibles na web e redes sociais do Ribadeo Indiano e de Acisa. Tamén figurarán na rifa e no cartel identificativo dos establecementos asociados as normas básicas”.

Desde Acisa o seu xerente tivo palabras de agradecemento para o Concello e para os patrocinadores: “quero agradecer de forma especial, en primeiro lugar ao Concello de Ribadeo, que cofinancia e colabora na súa organización, xa que esta actividade é unha acción de dinamización de Acisa que axustamos e facemos coincidir co Ribadeo Indiano para facelo mais atractivo. E tamén quero agradecer aos nosos patrocinadores: Estrella de Galicia, Galipizza, A Cofradía, Banco Sabadell, Caixa Rural e COCAHI, xa que sen a súa inestimable axuda non poderiamos poñer en marcha este sorteo”. 

E engadiu: “dende Acisa Ribadeo queremos resaltar o noso compromiso coa organización do Ribadeo Indiano e polo tanto tamén co traballo en estreita colaboración co Concello de Ribadeo para levalo a cabo, e por iso este ano estamos a facer o maior esforzo económico posible. O Ribadeo Indiano é un traballo conxunto, no que ambas entidades aportamos o que somos capaces, cada un dende as súas posibilidades, para levar a cabo un gran evento que dinamice a economía local e fomente o turismo”. 

No acto de presentación do sorteo da viaxe a Cuba participaron o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, os concelleiros de Cultura e Turismo, Pilar Otero e Pablo Vizoso, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, e Carmen Cruzado, vogal da asociación ribadense.