Ribadeo, representado por unha delegación conformada polo Concello e ACISA, está presente en FITUR 2023

34

O Concello de Ribadeo, xunto
con Acisa, asisten a Fitur 2023 co obxectivo de participar en
reunións de traballo con diversos operadores e axencias turísticas,
na procura de dar a coñecer os proxectos do Concello no ámbito do
turismo, establecer acordos e puntos de colaboración con
intermediarios, prescriptores e outros destinos, así como favorecer
a difusión de Ribadeo como un destino de calidade visitable durante
todo o ano.

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, apunta que “desde o
Concello  trabállase para fidelizar ás persoas que veñen visitarnos,
para atraer novos segmentos demanda e para favorecer a
desestacionalización”.

Deste xeito, a delegación conformada polo alcalde, Fernando
Suárez Barcia, o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso Galdo; a
concelleira de Cultura, Pilar Otero Cabarcos e o xerente de Acisa
Ribadeo, Jesús Pérez Prada, asiste dende o 18 ao 20 de xaneiro ás
reunións programadas e establecerá contacto con diversos axentes
turísticos e entidades relacionadas coa promoción do turismo.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou: “a presenza de Acisa
nesta importante feira turística é moi relevante, nela vaise
promocionar Ribadeo como destino turístico, e polo tanto o noso
sector empresarial pode verse beneficiado da nosa labor estes días,
tanto o sector hostaleiro e hoteleiro como o comercial. O turismo é
un dos motores económicos da nosa vila. Por iso debemos seguir
traballando na promoción de todo aquilo que Ribadeo pode ofrecer,
así como en aumentar e mellorar tanto a nosa oferta turística como
os servizos turísticos ofertados polas nosas empresas. A
implicación do sector é un piar fundamental na nosa promoción
como destino turístico”.