Rueiros, manteis e posavasos para hoteis, bares e restaurantes asociados

85

ACISA RIBADEO EDITA OUTROS 10.000 RUEIROS E 10.000 MANTEIS E POSAVASOS QUE REPARTIRÁ ESTA SEMANA SANTA NOS ESTABLECEMENTOS DE HOSTALERÍA ASOCIADOS

Acisa Ribadeo ven de editar outros 10.000 rueiros e 10.000 manteis e outros tantos posavasos, que distribuirá gratuitamente estes días polos hoteis, bares e restaurantes asociados.

O presidente en funcións de Acisa Ribadeo, David Martínez, anunciou que “desde ACISA Ribadeo, co fin de dar máis promoción e publicidade aos nosos asociados, así como axudar ao sector de hostalería con material que poidan utilizar, este ano decidimos volver editar 10.000 unidades actualizadas dos nosos rueiros”.

Martínez maifestou que “ademais, como outra forma de apoiar á hostalería con material que poidan utilizar na súa actividade empresarial e aforrar custes, este ano editáronse 10.000 manteis de papel individuais e 10.000 posavasos cun deseño elegante e bonito. Tamén ten un carácter promocional xa que non só se fai publicidade da asociación senón dos seus asociados a través dun código QR”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explica que “o reparto farase en dúas fases, unha primeira en Semana Santa, onde se distribuirán arredor de 6.000 unidades de cada un dos produtos. E despois, probablemente na ponte de maio, repartirase o resto para repoñer o material de cara ao verán, incluso podendo aumentar a produción nun futuro”.

Pérez dixo que “esta actividade está enmarcada dentro do apoio que a asociación quere darlle ao sector da hostalería a través deste material, e tamén serve de apoio ao comercio e ao sector servizos por ser un escaparate para todos eles e punto de información, tanto para os turistas como para os residentes. É unha actividade tamén orientada a potenciar a Semana Santa”.

O xerente de Acisa engadiu que “ese material parécenos moi interesante de cara aos asociados e de cara aos potenciais clientes, xa que grazas ao código QR todo o mundo poderá acceder á páxina web da asociación onde está toda a información dos nosos socios”.

O presidente en funcións de Acisa Ribadeo, David Martínez, subliñou que “con esta nova iniciativa buscamos en primeiro lugar, aforrarlles na medida do posible custes aos asociados utilizando o material que lles entregamos gratuitamente. En segundo lugar, pretendemos promocionalos como membros da asociación e que os seus clientes saiban que pertencen a Acisa, e polo tanto que poden gastar neles os vales de compra que a asociación reparte durante o ano. E en terceiro lugar, e máis importante, a promoción dos establecementos asociados a través do código QR que todo o material leva impreso. Escaneando ese código, a persoa, turista ou residente, poderá consultar a través da nosa web non só as nosas actividades e novas, senón tamén todo o mapa de asociados, os seus servizos, descrición, horarios, etc…”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, cre que “todo elo favorecerá a dar a coñecer a todos os socios, e a dinamizar tanto o comercio como a hostalería. Por exemplo, un turista está tomando algo nun bar e quere facer unha compra pero non sabe onde, con escanear o código QR do posavasos ou do mantel ten acceso a toda a información dos asociados e por suposto consultar o propio rueiro”. E engade que “no rueiro vai incluído o lema da nosa última campaña de promoción, Ribadeo, o centro comercial coas mellores vistas. Queremos que, cun pequeno logotipo novo, este rueiro cree conciencia sobre a importancia de mercar no pequeno comercio, no que temos a carón da casa, xa que nos ofrece un trato directo e as máximas garantías. E para os que decidan nalgunha ocasión mercar a través de internet, que o fagan tamén no comercio máis próximo. En Acisa, por exemplo, temos asociados que se están a modernizar para crear páxinas web con carril de compra por internet”.

Rueiros, manteis e posavasos para hoteis, bares e restaurantes asociados

Jesús Pérez detallou que “os rueiros vanse distribuír nos hoteis asociados, na Oficina de Turismo, na praia de As Catedrais, no porto deportivo e nos puntos turísticos doutros concellos. Reservarase unha cantidade para aqueles asociados que non sexan hoteis e desexen telos. Por outra banda os posavasos repartiranse nos restaurantes e bares asociados, e tamén se reservará unha cantidade para novas incorporacións ou socios que os acaben. E os manteis distribuiranse nos restaurantes, e ao igual que os posavasos, reservarase unha cantidade para aqueles socios que queiran pedir máis”.

David Martínez declarou que “desde Acisa Ribadeo cremos que esta inversión é moi positiva non só para a hostalería, senón para o conxunto dos asociados. É unha forma máis e diferente de facerlles publicidade e de promocionar os establecementos asociados. Esperamos que lles guste e lles resulte de interese”.

Rueiros, manteis e posavasos para hoteis, bares e restaurantes asociados

Apertura o día de Xoves Santo

Acisa Ribadeo anuncia que a maior parte dos establecementos asociados abrirán as súas portas o Xoves Santo. “O obxectivo é facilitarlles as compras as nosos clientes habituais e tamén aos centos ou milleiros de persoas que esta Semana Santa se achegarán ata Ribadeo”, sinalan desde a xerencia da asociación.

Por outra parte, e como entidade que traballa para dinamizar o comercio e a hostalería, Acisa colabora coa organización da Semana Santa de Ribadeo na medida das súas posibilidades, xa que cre que “é necesario, dado que é unha época que atrae persoas á vila, ao comercio e a hostalería. Desde a asociación costeamos o material publicitario desta cita e nos dípticos os visitantes tamén atoparán os nosos logotipos e o código QR ao que facíamos alusión anteriormente para que todos e todas teñan a información que precisen de Acisa e dos seus asociados e asociadas”.
Ademais Acisa Ribadeo levou a cabo unha campaña de publicidade na televisión autonómica galega co fin de captar visitantes para esta Semana Santa, e tamén en Cine Ribadeo para que a xente que veña á localidade se quede, compre e consuma no comercio e na hostalería asociados, porque Ribadeo é, como di o noso eslogan, o centro comercial coas mellores vistas”
.

Desde Acisa lembran que “como todos os anos todos os hoteis socios teñen á súa disposición os pases de acceso para que os seus clientes teñan acceso á praia das Catedrais, sen necesidade de ter que solicitalos vía internet na páxina habilitada para ese fin”.

Na presentación desta nova campaña de promoción da hostalería e do comercio de Ribadeo participaron o presidente en funcións de Acisa, David Martínez, e o xerente, Jesús Pérez.

Acisa traballa xa nas campañas que levarán adiante durante os meses de abril e maio.