DO 9 DE OUTUBRO AO 1 DE DECEMBRO TERÁ LUGAR A SEGUNDA EDICIÓN DA PANCHA, A NOSA MOEDA LOCAL. EN CIRCULACIÓN VANSE POÑER 3.700 PACKS DE PANCHAS, O QUE MOBILIZARÁ PRETO DE 150.000 EUROS “PARA DARLLE VIDA Á NOSA VILA”, SEGUNDO SUBLIÑOU O CONCELLEIRO PABLO VIZOSO. CADA PERSOA QUE CANXEE 30 EUROS EN ABANCA RECIBIRÁ 40 PANCHAS PARA GASTAR NO COMERCIO, NA HOSTALERÍA E NO SECTOR SERVIZOS.

O Concello de Ribadeo en colaboración con Acisa, a Deputación de Lugo e ABanca pon en marcha a segunda edición da Pancha, a nosa moeda local para dinamizar a economía local e dar liquidez aos sectores máis afectados pola crise sanitaria da Covid19. A novidade deste 2020 é que a pancha tamén poderá empregarse na hostalería, ademais de no comercio e no sector servizos. A campaña, que foi presentada esta mañá, desenvolverase do 9 de outubro ao 1 de decembro. Son 150.000 euros os que moverán cos 3.700 packs de panchas que se poderán canxear.

O concelleiro de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, dixo que “o Concello pon en marcha de novo a campaña Pancha, a nosa moeda local, xunto coa Deputación de Lugo, Acisa e ABanca co obxectivo de apoiar e dinamizar a economía local do municipio e dar liquidez aos sectores máis afectados pola crise sanitaria da Covid19, coma son o pequeno comercio, a hostalaría e os servizos”.

O edil ribadense explicou que “con esta proposta por cada 30€ as persoas interesadas reciben 40 panchas en moeda local para gastar nos locais participantes. Os 10 euros que se aforran son subvencionados polo Concello de Ribadeo. Así, poremos en marcha 3.700 packs de panchas, cada un por valor de 40 panchas, polo que entre todos/as como mínimo mobilizaremos case 150.000 euros para darlle vida á nosa vila. Neste esforzo por manter vivos os nosos establecementos o Concello de Ribadeo aportará 37.000 euros, case tres veces máis que o ano pasado”.

Vizoso Galdo subliñou que “o que se pretende con esta campaña é fomentar, por unha banda, as compras no pequeno comercio e na hostalería para inxectarlles liquidez. Ambos son sectores fundamentais para a vida das vilas. E, por outro lado, continuar a sementar conciencia sobre esa importancia de consumir en clave local, pois o poder do consumo local é transformador dos lugares nos que vivimos. Son claras as súas vantaxes fronte a outros formatos comerciais dada a reinversión das ganancias na contorna máis próxima ou a xeración de ciclos de distribución mais curtos, así como da súa compoñente social permitindo a existencia de rúas vivas. Esa é a maxia do consumo local”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local indicou que “nesta II edición da Pancha, a nosa moeda local como novidade, ademais do comercio e certos servizos, incluirase no proxecto o sector da hostalaría. Polo tanto, animamos a participar do proxecto e crear ofertas ou paquetes adaptados ao valor das moedas (cada pack está formado por 2 billetes de 5, 1 billete de 10 e 1 billete de 20). Estas ofertas non son imprescindibles para participar, pero probablemente incentivarían o consumo nos establecementos a través desta moeda local.É por todo isto que convidamos a adherirte á campaña, algo fundamental para o éxito da mesma. Cantos máis establecementos adheridos teñamos, máis oportunidade terá a xente de gastar as súas panchas e poñer en movemento, mínimo 150.000 euros, dende o 9 de outubro ao 1 de decembro do 2020 en Ribadeo”.

Pablo Vizoso contou que “poderán participar aqueles establecementos que cumpran as seguintes características: o seu punto de venda estea radicado no municipio de Ribadeo; que teñan unha plantilla de traballadores menor ou igual a 10 persoas (agás hostalaría); e que a súa actividade empresarial se encadre dentro do sector do comercio polo miúdo, hostalaría e certos servizos como perruquerías, servizos fotográficos, ludotecas, cines, etc…”.

O prazo de inscrición para estes establecementos será dende o 23 de setembro ao 5 de outubro. Os interesados en participar poderán atopar máis información e as bases de participación na páxina web panchamoedalocal.ribadeo.org

As persoas consumidoras terán para gastar as panchas desde o 9 de outubro ata o 1 de decembro e deberán compralas na entidade de ABanca desde o mesmo 9 de outubro.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, manifestou: “desde ACISA Ribadeo, estamos muy satisfechos con que se realice este año una nueva edición de las panchas. En la actual situación que vivimos es vital inyectar dinero en la economía para fomentar el consumo. Estamos satisfechos por dos motivos: el principal, porque esta actividad es buena para el comercio y para la hostería de Ribadeo. Esperamos que anime a la gente a consumir en Ribadeo, y a los vecinos a salir a cenar o a comprar sus regalos en nuestros comercios, en consonancia con las campañas que Acisa tiene en funcionamiento desde hace semanas. Y en segundo lugar, porque desde el Concello de Ribadeo siguen atendiendo las peticiones que les hacemos, ya que, en ocasiones como esta, Acisa no tendría medios propios para poder llevarlas a cabo. Para nosotros es muy importante la concesión de esta subvención extraordinaria de 37.000 euros que Acisa Ribadeo gestionará para la celebración de las panchas y que junto a los 24.000 euros del convenio anual suman más de 61.000 euros como ayuda del Concello de Ribadeo a Acisa en un año tan complicado”.

Iriarte engadiu: “quisiéramos por ello, poner en valor que el Concello de Ribadeo atendió nuestra petición, enmarcada dentro del proyecto que les presentamos en mayo, Reactiva Ribade, de celebrar una nueva edición de las panchas y además de ampliarlas a la hostelería, así como la necesidad de aumentar su cuantía”.

Desde ABanca o director de zona na Mariña, Carlos Teijeiro, sinalou que “como representantes de ABanca supón unha grandísima satisfacción volver participar nesta iniciativa da man de Acisa Ribadeo e do Concello, nun momento en que non oímos máis que falar de Covid e de pandemia. E polo tanto eu creo que calquera sopro de aire fresco en forma deste tipo de iniciativas de fomento do comercio local penso que é algo digno de mención e de apoio. A cercanía e a proximidade son valores que forman parte do ADN de ABanca e que creo que son uns valores compartidos absolutamente co comercio local. Unha xente que estivo aí nos momentos máis duros da pandemia ofrecéndonos os seus servizos, ofrecéndonos alimentos, atendéndonos, etc… agora creo que é de xustiza que a sociedade lles devolva a eles todo o traballo que levan feito dunha maneira absolutamente encomiable. Esperamos que, apoiándose nesta ampliación de presuposto da man do Concello e de Acisa, esta nova iniciativa, esta acción comercial, sexa un absoluto éxito e que redunde en beneficio do comercio local, dinamizando o consumo, sacando á xente ás rúas, con todas as medidas de seguridade e con todo o coidado, pero a economía e o país teñen que seguir adiante, e iniciativas como esta son un apoio fundamental para conseguilo. Así que moitas grazas a Acisa e ao Concello por contar con nosoutros. É para nós é unha honra poder participar neste tipo de iniciativas”.

O alcalde, Fernando Suárez, declarou que “hoxe é un moi bo día para Ribadeo. Un moi bo exemplo de traballo en común polo ben do noso pobo, como dicía o presidente de Acisa. Esta iniciativa, que creamos e financiamos desde o Concello, non sería posible se non tivéramos maos que nos axudaran a levala adiante, estas maos por unha banda son as Acisa e por outra as de ABanca. É unha iniciativa moi complexa da que xa tivemos unha boa mostra o ano pasado con aquela primeira edición que foi un rotundo éxito, e que agora, por mor da pandemia, decidimos mellorar e reforzar naqueles aspectos que puidemos detectar que o ano pasado se puidera mellorar. De aí que facemos un notable incremento económico, nun momento no que as arcas municipais van a menos igual que as economías familiares, pero con todo decidimos dar maior promoción a esta iniciativa e máis que triplicamos a consignación municipal para que no multiplicador das compras e ventas no comercio local e na hostalería redunde en moito máis movemento económico”.

O rexedor salientou que “polo tanto con este reforzo económico e con esta ampliación ao sector da hostalería, que o ano pasado estaba pensado só para o comercio, pretendemos que todo o mundo se poida beneficiar porque sabemos que entramos nun momento crítico. Agora acaba o verán e aínda non chega o Nadal, que son as dúas épocas nas que pode haber máis venta, maior dinamización comercial, etc… Agora precisamente para cubrir esta época de certo baixón, queremos desde o Concello intentar dinamizar, con aquela máxima de que o que veña a Ribadeo, ben sexa do propio Ribadeo, de Luarca, de Vilalba, da Coruña, de Avilés ou da Veiga, aquí por menos terá máis porque por 30 terá 40, pagando 30 euros terá 40 panchas, cun valor de mercado obxectivo e que poderá comprar o que desexe coas condicións que marcamos nesta campaña, que o que persegue é dinamizar o pequeno comercio e poñelo en valor”. E engadiu que “hai estudos obxectivos que din que por 5 euros que se gastan no comercio local repercute tres veces máis no propio comercio local que comprando en plataformas alleas e distantes. Así que, entre todos, fagamos de Ribadeo tamén un universo local onde poder investir, onde poder traballar e poder dinamizar a nosa economía e a nosa sociedade”.

No acto de presentación, celebrado esta mañá, participaron tamén o xerente de Acisa, Jesús Pérez, e o director de ABanca en Ribadeo, Angel Macía.