Sen candidato para presidir A.C.I.S.A. Ribadeo

8
Sen candidato para presidir A.C.I.S.A. Ribadeo

REMATOU O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS PARA PROCEDER Á RENOVACIÓN DA XUNTA DIRECTIVA DE ACISA, SEN QUE SE PRESENTASE NINGUNHA

Ás sete desta tarde expirou o prazo de presentación de candidaturas para proceder á renovación da xunta directiva de Acisa. E segundo confirman desde a xerencia da asociación “non se presentou candidatura algunha”

A xunta directiva en funcións fai un chamamento a todos os asociados e asociadas para que acudan á asemblea extraordinaria que se celebrará o vindeiro luns, 19 de marzo, ás 20:30 horas para falar do futuro da Asociacións de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos. “Nesa xuntanza consultaremos aos asistentes os pasos a dar a partires de agora. E unha vez analizado todo o que alí debatamos establecerase a convocatoria dun segundo proceso electoral para proceder á renovación da xunta directiva de Acisa, que segue a traballar, atopándose en funcións. Tamén nesa asemblea se dará cumprida información das vindeiras campañas previstas por Acisa e se pedirá autorizacións aos asistentes para levalas adiante”, engaden desde a xerencia.

Próximas actividades

Acisa celebrará a súa VII Gala o vindeiro venres, día 16, a partir das 21:30 horas no Parador de Turismo, un evento ao que asistirán un cento de persoas. Desde a asociación lembran que “ata o xoves, día 15, é posible retirar as tarxetas para acudir á Gala tanto nos locais de Acisa como no Parador”.

A asociación ribadense tamén ten aberto o VIII Concurso Fotográfico Día do Pai no que repartirá 500 euros en premios

O eslogan elixido para a oitava edición do certame é O amor por un pai non ten prezo, pero si premio. Os traballos pódense presentarse a través do Facebook de Acisa Ribadeo ata o 18 de marzo.

As imaxes débense subir á páxina do Facebook de Acisa, mediante a app instalada a tal efecto. O prazo máximo de envío será as 23:59 horas do día 18 de marzo, que será cando a app do Facebook deixe de admitir imaxes, e nese mesmo momento saberase o gañador do premio do público, que será a fotografía máis votada polos seguidores do Facebook de Acisa.

Entre as 20 imaxes máis votadas na aplicación (agás a gañadora do Premio do Público), realizarase unha selección por parte do xurado das tres mellores, entre as que sairá o Premio do Xurado.

A publicación oficial dos gañadores realizarase o día 19 de marzo nas redes sociais e nos medios de comunicación.

Ata o momento xa se presentaron 77 imaxes ao VIII Concurso Fotográfico Día do Pai. Desde Acisa animan a participar no certame “aínda quedan uns días para subir as imaxes ao facebook. Calquera persoa que o desexe pode participar, xa que hai interesantes premios en xogo”.

Haberá un único premio do público que estará dotado de 200 euros en vales de compra de Acisa, e no Premio do Xurado haberá un primeiro premio de 150 euros en vales de compra de Acisa, un segundo premio de 100 euros en vales de compra de Acisa, e un terceiro premio de 50 euros en vales de compra de Acisa. O galardoado deberá responder á chamada telefónica que se realizará dende as oficinas da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, tras o veredicto do xurado. Realizaranse tres intentos e no caso de non atender á chamada pasarase ao seguinte seleccionado.

As fotografías premiadas e as presentadas poderán ser utilizadas nas diferentes plataformas de difusión de Acisa, co único obxecto de promocionar a fase participativa do concurso.