ACISA ASINOU O CONVENIO ANUAL DE COLABORACIÓN CO CONCELLO DE RIBADEO PARA A REALIZACIÓN DE DIFERENTES ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN E APOIO AO COMERCIO E Á HOSTALERÍA
Acisa asinou o convenio anual de colaboración co Concello de Ribadeo para a realización de actividades encamiñadas á promoción e apoio ao comercio e á hostalería ribadenses. A dotación económica ascende a 14.000 euros e servirá para que a asociación empresarial leve a cabo iniciativas positivas para os seus asociad@s e para o conxunto de Ribadeo.
Algunhas das actividades que xa se realizaron con cargo a ese convenio foron a gala anual de Acisa, na que se premia a carreira empresarial de persoas que estiveron ao fronte de negocios durante a súa vida e de empresarios que desenvolven traballos singulares e diferentes. E tamén se celebrou unha xornada de control de estrés, que tivo unha grande afluencia.
Actualmente Acisa está a editar o material promocional e publicitario para os seus asociad@s, que xa distribuíu nunha primeira fase en Semana Santa cando se editaron 10.000 rueiros, 10.000 manteis e 10.000 pousavasos. Esta actividade terá unha segunda fase o vindeiro mes no que se editarán 25.000 planos turísticos co listado dos asociad@s, que se porán a disposición dos hoteis para que poidan repartilos entre os seus clientes.
O convenio entre Acisa e o Concello de Ribadeo inclúe dúas actividades no ámbito publicitario que teñen por obxectivo dar a coñecer o comercio e a hostalería ribadenses, e polo tanto o conxunto da localidade. A primeira campaña publicitaria, co slogan Ribadeo, o centro comercial coas mellores vistas, tivo xa unha fase de emisión que continuará agora en xuño e que se completará no último trimestre do ano. A outra campaña publicitaria levarase a cabo no mes de setembro e consistirá en potenciar o domingo en Ribadeo, co fin de dar a coñecer a máis xente a singularidade do comercio ribadense de abrir os domingos pola mañá.
Outra actividade que se engloba neste convenio é a tradicional Noite Flúor, que se celebrará como é habitual no mes de agosto. Tamén está prevista unha iniciativa de tipo gastronómico, que terá lugar no mes de outubro e que é unha das novidades deste ano, xunto co primeiro desfile de charangas anunciado xa para o día 14 de xullo.
O convenio anual de colaboración entre Acisa e Concello foi asinado por Francisco Iriarte e por Fernando Suárez.
Iriarte valorou “a importancia desta anualidade de 14.000 euros. Para nós é unha cantidade de cartos moi importante que unida ás outras axudas doutras administracións, ás propias cotas dos socios, fai que Acisa siga a ser a asociación comercial de referencia na Mariña. Estamos traballando na organización de novas campañas e no mantemento doutras que xa están consolidadas, todo co obxectivo de dinamizar o noso comercio e a nosa hostalería, en definitiva co obxectivo de dinamizar Ribadeo”.
Pola súa banda, o rexedor declarou que “o comercio é o piar practicamente fundamental do noso concello, ou dos máis importantes cando menos, e é boa cousa que o Concello o apoie tamén dunha maneira preferencial con diñeiro público, pero que redunde no comercio, na hostalería, etc. Esa é a nosa misión e estamos encantados de poder achegar esta cantidade económica para 2018”. Suárez Barcia lembrou que “ao longo do ano Acisa e Concello levamos adiante iniciativas en conxunto e outras por separado, como é normal, pero cun común obxectivo que moita xente veña a Ribadeo a mercar, a xantar, a visitarnos e que goce de magnífica oferta que aquí atopará”.