Todo está listo para a celebración da Quinta edición das Xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que terán lugar do 21 ao 23 de outubro. Están organizadas por ACISA e participan 14 locais hostaleiros.

75

Xa está todo listo para a celebración da quinta edición das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que se celebrarán a vindeira fin de semana do 21 ao 23 de outubro. Están organizadas por Acisa e na cita participan 14 locais hostaleiros. 

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, indicou que “desde Acisa decidimos apostar polas xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que se van celebrar do 21 ao 23 de outubro, como actividade dinamizadora da nosa hostalaría. Con elas queremos render así homenaxe á veciñanza asturiana, que todas as fins de semana do ano se achega ata Ribadeo a tomar os viños, os vermús, a comer, a cear, a pasear ou a mercar no comercio local. A súa presenza é moi importante para nós e por iso volven estas xornadas, que debido á pandemia do covid deixaron de celebrarse”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, explicou que “son 14 os locais participantes, que ofrecerán tapas e menús especiais ao longo da vindeira fin de semana. As diferentes propostas gastronómicas asturianas poderanse encontrar nos seguintes establecementos hostaleiros: El Rincón del Gordo, Galipizza, La Solana, Queimada, O Indiano, Mareta, A Horta de San Roque, Rosalar, La Bugalla, Goia´s, Delicatés, La Lira, O Alén e O Lar de Manolo”. 

E engadiu que “todas as propostas dos locais participantes poderán consultarse nas redes sociais de Acisa”. 

Cruzado Iglesias sinalou que “as xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo foron desde o primeiro momento un reclamo tanto para os residentes na Mariña lucense como para os veciños e veciñas do Principado, de aí que as organicemos de novo este ano. Queremos animar a asturianos e galegos a que vaian facendo un oco nas súas axendas para vir a Ribadeo a saborear todas as propostas que nos ofrecerá a hostalería local os días 21, 22 e 23 de outubro. Calquera día é un bo momento para vir ata Ribadeo, pero si temos a posibilidade de facelo para saborear a gastronomía asturiana, mellor que mellor”.  

Na presentación das xornadas Asturias en Ribadeo participaron o xerente, o secretario, a vicepresidenta e a presidenta de Acisa, Jesús Pérez, Felipe Fernández, Virginia Eceiza e Carmen Cruzado, respectivamente. 

Colaboración coa AECC

Un ano máis Acisa Ribadeo colaborará coa Asociación Española de Loita contra o Cancro. Desde hoxe, 17 de outubro, varios negocios asociados contarán con huchas para a recollida de donativos destinados a este colectivo. 

O mércores, día 19, celébrase o día internacional da loita contra o cancro de mama, xornada na que as asociacións fan fincapé na importancia da investigación, da ciencia e da saúde, así como para lembrar a todas esas mulleres que sofren ou sufriron esa enfermidade. 

Carmen Cruzado comentou que “as persoas que desexen colaborar coa Asociación Española de Loita contra o Cancro de Ribadeo poden deixar os seus donativos en Farmacia Álvarez Lebredo, Foto Miguel, Beep, Sendín, Folder, Sanjurjo, Esprit, Opticalia, Galipizza, Mercería Torviso, Panadería Torviso, For Friends, Siñeiro Hogar, Anais, Susana Moreira, O Indiano, La Coqueta, Saia, Ginzo , Vitaldent, R23, El Rincón del Gordo, Xeito, La Florida, Linares, La Moda Sport, Gestión de Sistemas Eléctricos, Glass, Javier Montero, Don Buchi, Óptica Carreira e Naná”.