
UN NOVO TRABALLADOR SE INCORPOROU A ACISA RIBADEO, GRAZAS AO PROGRAMA BEN EMPREGADO 3 DA DEPUTACIÓN DE LUGO.
NA ASOCIACIÓN TRABALLARÁ DURANTE UN ANO.
O programa Ben Empregado 3 da Deputación Provincial de Lugo posibilitou a incorporación dun traballador durante un ano (do 1 de xuño de 2017 ao 31 de maio de 2018) á Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo. Trátase de José Ángel Pombo Pumares, que realizará tarefas de asistencia á directiva e á xerencia de Acisa durante este tempo e estará a disposición dos socios e socias deste colectivo.
O presidente de Acisa, David Martínez, e o xerente, Jesús Pérez, déronlle a benvida e aseguraron que “o que pretendemos é ofrecer os mellores servizos aos nosos asociados e asociadas. E iso seguirémolo a facer co noso traballo habitual e agora tamén coa incorporación deste traballador, que conta con 18 anos de experiencia no sector fiscal”.
Martínez precisou que “José Ángel apoiará ao xerente no seu traballo, visitará aos nosos socios, colaborará na organización e posta en marcha das campañas que levaremos adiante ao longo dos vindeiros meses e atenderá todas aquelas dúbidas ou suxestións que nos queiran facer chegar”.
O presidente de Acisa subliñou “a importancia que ten este programa da Deputación de Lugo, o Ben Empregado 3, para as empresas e tamén para as asociacións como a nosa. É dunha grande utilidade porque poderemos facer máis cousas, grazas á chegada deste novo traballador. A experiencia que tivemos nas outras edicións foi moi positiva”.