VI Cea de Gala

103

O EMPRESARIO ANTONIO PERTEJO E O RESTAURANTE A COFRADÍA, DE RINLO, SERÁN PREMIADOS NA VI CEA DE GALA DE ACISA RIBADEO O VINDEIRO 17 DE MARZO. RECIBIRÁN O GALARDÓN COMO RIBADENSE HONORÍFICO E COMO SOCIO DO ANO, RESPECTIVAMENTE.

Acisa ultima os preparativos da VI Cea de Gala que terá lugar o vindeiro venres, día 17, ás 21:30 horas no Hotel Restaurante Voar, de Ribadeo.

No evento entregaranse os premios anuais da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, que este ano recaen en Antonio Pertejo Castaño e no restaurante A Cofradía, de Rinlo.

Antonio Pertejo recibirá o premio Ribadense Honorífico, “como empresario histórico ribadense de grande relevancia”, sinalan desde a directiva de Acisa. E como Socio do Ano o premio é para o restaurante A Cofradía “pola súa traxectoria como asociado de Acisa e por ser un negocio próspero que está facendo medrar a proxección turística de Rinlo e de Ribadeo”.

Desde Acisa animan “a todos os asociados e asociadas a que acudan a esta cita anual na que se comparten vivencias e experiencias. Será unha velada agradable na que contaremos coa presenza dun mago e algunha que outra sorpresa. Ao evento tamén pode asistir calquera persoa que o desexe, aínda que non sexa soci@ de Acisa. As entradas están á venda ao prezo de 25 euros tanto no Voar coma na nosa oficina, sita na Avenida de Galicia, nº 20”.