Xa está aberto o prazo de inscrición para o gran desfile do Entroido de Ribadeo, que terá lugar o vindeiro 1 de marzo e que repartirá máis de 4000 Euros en premios.

109

 Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no gran desfile de Entroido, que se celebrará o 1 de marzo e que repartirá máis de 4.000 euros en premios, segundo informan o Concello de Ribadeo e Acisa. 

Dende a organización indican: “para obter información sobre a maneira de inscribirse recomendamos chamar aos teléfonos 982 128 689,  982 131 565 ou 982 120 565 ou ben consultar as webs do Concello ou de Acisa Ribadeo”.

SOLICITUD PARTICIPACION

DECLARACION RESPONSABLE

E explican: “para participar no desfile, pode realizarse a inscrición en persoa no rexistro das oficinas municipais ou a través do correo electrónico turismo@ribadeo.org. As  bases e ficha de inscrición atópanse no taboleiro de anuncios da sede electrónica do portal www.ribadeo.gal e na web www.acisaribadeo.es. Na ficha de inscrición pídese nome e apelidos, DNI, domicilio, teléfono de contacto e nome da acción de Entroido que se presentará no desfile.O prazo de inscrición estará aberto ata o luns, 28 de febreiro, ás doce da noite. Tamén se da opción para a inscrición o mesmo día do desfile no espazo habilitado no Teatro de Ribadeo (rúa San Roque, 2), de 15.00 ás 16.30 horas”.

Dende a organización deste Entroido lembran: “nesta edición repartiranse algo máis de 4.000 euros en premios. Destaca o da Mascarita, personaxe tradicional do Entroido de Ribadeo que se quere rescatar e pór en valor. O seu humor, retranca e interacción coa xente son elementos esenciais e moi propios desta festividade. Con este premio, por primeira vez cunha importante contía en metálico (300 euros), preténdese contribuír a nutrir o desfile e dotalo do humor e da retranca que tanto se precisa nestes tempos tan influídos pola pandemia. O Entroido de Ribadeo e o seu desfile deben ser unha oportunidade para a alegría, a desconexión e o vínculo coa veciñanza e visitantes”.

O resto dos premios son:

COMPARSAS E/OU CHARANGAS: 1º premio 500€, 2º premio 400€, 3º premio 300€

CARROZAS: 1º premio 300€, 2º premio 200€, 3º premio 100€

GRUPOS (mínimo 3 persoas): 1º premio 200€, 2º premio 150€, 3º premio 100 €

PARELLAS:1º premio 150€, 2º premio 100€, 3º premio 75€

INDIVIDUAIS: 1º premio 100 €, 2º premio 75€, 3º premio 50€

 

Na categoría infantil:

GRUPOS (mínimo 3 persoas): 1º premio 200€, 2º premio 100€, 3º premio 50€

PARELLAS: 1º premio 150€, 2º premio 100€, 3º premio 50€

INDIVIDUAIS: 1º premio 150€, 2º premio 100€, 3º premio 50€

 

Dende a organización tamén fan referencia ao xurado e aos criterios de valoración indicando que “o concurso terá un xurado composto por 7 membros: 5 vogais, presidenta, (concelleira de Cultura), secretaria (técnica de Cultura) e portavoz dos comerciantes e hostaleiros (xerente de Acisa Ribadeo), estes tres últimos con voz pero sen voto. Os cinco vogais serán persoas procedentes de ámbitos municipais coma o asociacionismo, a cultura, a comunicación, a imaxe, o deseño, etc., completamente independentes das entidades organizadoras.

O xurado terá en conta á hora de valorar os participantes: a orixinalidade, a creatividade e a novidade na temática, no vestiario, etc.; o espírito entroideiro: teatralidade e animación; o humor, interacción co público, retranca, simpatía, e capacidade de sátira, co fin de conseguir un ambiente festivo que vaia máis alá do simple desfile; a música, letras ou coreografías: se utiliza algún instrumento musical valórase máis que a música enlatada. Valórase que as letras sexan orixinais e retranqueiras. Tamén terán en conta o vestiario e maquillaxe: acabado do vestiario, complexidade, colorido, etc.; maquillaxe coherente co vestiario, vistoso, complexo, etc. E para rematar, os complementos que enriquezan a escena”.

Os organizadores engaden que “ambas entidades, ante a falta de comisión organizadora, decidimos traballar conxuntamente, para que aínda que, con formato reducido e adaptado ás circunstancias da pandemia, a veciñanza poida gozar  desta festividade”.

E subliñan que “o domingo 27 xa hai unha primeira cita para as crianzas no baile infantil dende as 17:00 horas na sala Rosalar e os días previos ao desfile contaremos con animación nas rúas tanto ao mediodía coma á noitiña”.