ACISA ORGANIZA UNHA XORNADA DE SENSIBILIZACIÓN MEDIOAMBIENTAL, QUE SE CELEBRARÁ O 9 DE OUTUBRO NA ANTIGA CASA SINDICAL

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) de Ribadeo, coa colaboración do Concello ribadense, organiza unha xornada de sensibilización medioambiental para o día 9 de outubro, luns, ás catro da tarde no salón de actos da antiga Casa Sindical. O relator será José Rodríguez Coello, que é o responsable de Desarrollo de Negocio da delegación de Aenor en Galicia.

Esta actividade está dirixida a empresarios e público en xeral que necesiten adquirir unha visión xeral dos sistemas de xestión ambiental e das repercusións que ten para as empresas a incorporación da variable medioambiental na súa xestión.

Os obxectivos da xornada son: coñecer o enfoque xeral da familia de Normas ISO 14000 e os requisitos da Norma UNE-EN ISO 14001:2015; comprender os principios da xestión ambiental e os beneficios que dela se derivan; adquirir coñecementos sobre a aplicación real dos sistemas de xestión ambiental; e coñecer as vantaxes que aporta un sistema de xestión ambiental.

A charla versará sobre os seguintes contidos: evolución da xestión ambiental; problemática ambiental actual e enfoque do factor ambiental nas empresas; definición dos sistemas de xestión ambiental; concepto de desenvolvemento sostible e medio ambiente; obxectivo dos sistemas de xestión ambiental e o seu campo de aplicación; definicións e conceptos esenciais dun sistema de xestión ambiental e os seus beneficios; e datos de certificación de sistemas de xestión ambiental actuais.

Desde ACISA Ribadeo animan “aos socios do colectivo e tamén aos non socios a asistir a esta xornada, pois creemos que é importante para os negocios ver o enfoque da xestión medioambiental, coñecer as normas básicas e principios de xestión e ver como pode ser algo moi positivo para as empresas. Esta actividade levámola a cabo coa Área de Medioambiente do Concello de Ribadeo para concienciar á poboación da importancia que ten a xestión ambiental no só para as empresas senón tamén para os particulares”.

Xornada de sensibilización medioambiental