ACISA Ribadeo asina dous novos convenios

97

ACISA RIBADEO ASINA DOUS NOVOS CONVENIOS QUE LLES PERMITIRÁN AOS SEUS ASOCIADOS AFORRAR NO RECIBO DA LUZ E TAMÉN PARA FACILITAR A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR.

Acisa Ribadeo asinou dous novos convenios con condicións vantaxosas para os seus socios e socias que lles permitirá aforrar no recibo da luz ás empresas e potenciar a conciliación laboral e familiar tanto dos asociados como dos seus traballadores e traballadoras.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “o primeiro convenio asinado é coa empresa AuroAstur e pretende que os nosos socios e socias poidan abaratar o recibo da luz. Este convenio ofrece unha tarifa de enerxía e gas preferente, con prezos indexados e cuns gastos de xestión competitivos ou prezos fixos máis asequibles que os ofrecidos por outras compañías, así como prezos de potencia BOE e sen compromiso de permanencia. A compañía ofrece atención personalizada, permanente e directa, sempre co mesmo xestor autorizado, ademais dun estudo da factura para facer unha oferta personalizada que dea o mellor prezo, buscando a mellor tarifa e optimizando a potencia demandada para pagar o xusto. O convenio está aberto a que poidan desfrutar non soamente os empresarios para o negocio asociado senón tamén para outros negocios da súa propiedade, os seus domicilios ou familiares”.

Pérez Prada engadiu que “asinamos ademais un convenio coa empresa asociada Con Sentidiño, que ofrece un desconto dun 10% na adquisición de calquera bono para as estancias dos nenos e nenas no centro, así como flexibilidade nos horarios de recollida e recepción dos cativos. Ambas medidas están destinadas a potenciar desde Acisa Ribadeo a conciliación laboral e familiar dos nosos socios e socias, así como dos empregados e empregadas dos negocios”.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, subliñou: “cremos que desde Acisa Ribadeo é importante seguir traballando en ofrecer servizos aos nosos socios, neste caso un convenio co que poden estudar o abaratamento do recibo da luz e outro co que poden ter unha axuda para conciliar a vida laboral e familiar. É importante salientar o carácter aberto de ambos convenios, que non se limitan unicamente á empresa asociada senón que vai máis aló, cubrindo en cada caso as necesidades familiares e domiciliarias dos empregados de cada establecemento”.

Segundo sorteo de panchas

Katia Puga Gonzalez é a afortunada do segundo sorteo de panchas que Acisa realizou hoxe, venres, dentro da campaña Domingueo en Ribadeo. Desde a asociación lembran que “poderá pasar a recoller as súas 40 panchas polas oficinas de Acisa Ribadeo, sitas na rúa San Roque, de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas”.

Os vindeiros sorteos de panchas serán o 30 de outubro e o 6 de novembro entre os usuarios rexistrados na app de Ribadeo Cerca de Ti.