ACISA fai un balance positivo do mes de xullo no que a ocupación hoteleira roldou entre o 75 e o 90%

46

Acisa fai un balance positivo do mes de xullo no que a
ocupación hoteleira roldou entre o 75 e o 90%. As expectativas para agosto son moi
boas.

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, sinala que “tras a consulta realizada
entre os hoteis asociados podemos facer un balance positivo do mes de xullo no que a
ocupación oscilou entre o 75 e o 90%. E as expectativas para agosto, vendo as reservas,
polo que nos comentan son moi boas. Agardamos que este verán de 2023 sexa moi
positivo para todo o sector”.

Cruzado Iglesias indica que “a mellor forma de palpar a presenza de turistas en Ribadeo
é dar unha volta polas rúas peonís, que están ateigadas de xente continuamente, ver o
ambiente nas terrazas, nos establecementos hostaleiros… hainos que xa para agosto
estableceron dúas quendas nas comidas co obxectivo de poder dar cobertura a toda a
demanda existente, achegarse ata o porto, ata o paseo marítimo, ver cómo están os
aparcamentos, a cantidade de peregrinos (sobre todo estranxeiros, que están a facer o
camiño)… houbo moita xente en Ribadeo en xullo e está a chegar moita máis en
agosto”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, manifesta que “temos que comparar os datos de 2023
cos de 2019, o ano anterior á pandemia, no que o ambiente nocturno na restauración
era moi frouxo. A situación mellorou e agardamos que siga mellorando, a pesares das
dificultades que moitos negocios tiveron para conseguir persoal para este verán. Todos
os locais están tentando dar o mellor de si”.

Pérez Prada engade: “Ribadeo ten moito que ofrecer: un comercio que é un referente
en toda a contorna, un servizo de restauración no que saborear as exquisiteces do noso
mar e da nosa terra a moi bos prezos, hoteis espectaculares… si a iso lle engadimos a
riqueza paisaxística e monumental, non se nos ocorre mellor enclave para pasar as
vacacións de verán ou calquera fin de semana ou ponte festiva ao longo do ano”.