Acisa recibiu a resolución da axuda ao CCA de Ribadeo, que convoca anualmente a Xunta para as actividades de dinamización dos Centros Comerciais Abertos da comunidade autónoma

56

ACISA RIBADEO RECIBIRÁ 40.005 EUROS DA XUNTA DE GALICIA PARA ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN DO CENTRO COMERCIAL ABERTO

Acisa recibiu a resolución da axuda ao CCA de Ribadeo, que convoca anualmente a Xunta para as actividades de dinamización dos Centros Comerciais Abertos da comunidade autónoma. O CCA ribadense conta con máis de 90 establecementos comerciais, que forman parte dos 170 socios que integran Acisa.

O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Francisco Miguel Iriarte, declarou que “a pasada semana foi resolta a subvención pola que Acisa obtén 40.005 euros, que é o importe máximo que pode recibir un Centro Comercial Aberto, grazas á exitosa implantación que o CCA ten en Ribadeo a través da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizo e Autónomos”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “con ela facemos fronte a gastos moi importantes, como son os da xerencia e a oficina, como por exemplo o cambio da sede da asociación, a xestión da nosa páxina web, a sinalización comercial dos establecementos asociados e por suposto as campañas de dinamización comercial e fidelización. Neste ano tan convulso esta axuda volveuse esencial para a nosa actividade para facer fronte os gastos de campañas como a do Nadal, coa arbore da praza de San Roque, a carpa da pista de Ribaxogo, o concurso de decoración do pasado ano, a festa do comercio, o día dos namorados, as campañas de aforro de combustible, o día do pai, o día da nai, as rebaixas de inverno e verán, as campañas de concienciación e os servizos que se prestaron os socios durante o confinamento e a desencalada”.

Pérez subliñou que “desde a asociación estamos moi satisfeitos co traballo que se realiza a través das axudas da Xunta de Galicia, que este ano nos está a dar un apoio aínda maior. Deste xeito podemos dar mais e mellores servizos a os nosos socios. Neste ano, ademais desta axuda, a Xunta de Galicia ven colaborando con nos dende o inicio da pandemia dun xeito especial, en colaboración coa administración galega puxemos en marcha a marca Ribadeo Seguro cunha axuda de preto de 6.000 euros, coa colaboración da Xunta puidemos repartir entre os nosos socios preto de 8.000 mascaras e dispensadores de xeles, e diverso material por valor de mais de 6.000 euros. Tamén grazas a unha subvención do Igape estamos a traballar na nova plataforma de venda online que estrearemos o mes que ven, por un importe de preto de 4.000 euros. A estas axudas debemos engadir outra de algo mais de 13.000 euros coa que puidemos contratar unha empregada para os próximos meses así como axuda para a creación dos Barrios e Vilas Mariñeiras de entorno a outros 6.000 euros. Con estas e outras axudas puntuais de menor contía, estamos a falar de mais de 75.000 euros de financiamento no que vai de ano da Xunta de Galicia a ACISA Ribadeo”.

Francisco Iriarte asegurou que “estamos moi satisfeitos por contar de novo coaa máxima subvención da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia. Para ACISA e o CCA de Ribadeo esta cantidade de 40.005 euros, nestes tampos faise esencial para o noso funcionamento. Só grazas a estas axudas, que valoramos e agradecemos así coma as das outras administracións, podemos seguir medrando e traballando polo comercio local. Estes investimentos, nun ano coma este, son esenciais para poder celebrar actividades e seguir facendo atractivo o comercio ribadense, xa que os ingresos por cotas caeron debido á decisión de eximir delas durante varios meses aos nosos asociados e asociadas durante a pandemia do covid-19”.

Ponte do Pilar

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, aproveita a ocasión para animar “á veciñanza tanto da vila coma da comarca a aproveitar a ponte festiva para saír tomar algo por Ribadeo así como para facer as compras de cara á temporada de outono e inverno, e como non, para desfrutar da nosa gastronomía. Neste sentido, animamos a visitar especialmente a Vila Mariñeira de Rinlo e o Barrio Mariñeiro de Porcillan, dous lugares sen dubida especiais, onde poder gozar dun paisaxe único, onde poder pasear ao aire libre desfrutando da brisa do mar, e deleitarse cunha gastronomía de alta calidade, con produtos excepcionais das nosas costas. Ademais, en todos os locais pódese contemplar unha exposición fotográfica de como eran ditos lugares no pasado, sempre por suposto con todas as garantías de seguridade. Débese destacar iso, todos os negocios compren as normas de seguridade e prevención coas garantías do selo Ribadeo Seguro para ofrecer aos seus clientes unha experiencia 100% segura”.

En Acisa agardan que “esta ponte festiva se poida traballar ben en Ribadeo, xa que son unhas datas nas que moita xente aproveita para visitar a vila e a súa contorna. Todo dependerá da evolución da pandemia estes días no país. Si todos seguimos e cumprimos coas indicacións sanitarias a nova normalidade non ten porque complicarse”.