Hoxe arrinca a segunda edición da campaña das Panchas, a moeda local ribadense

106

A BO RITMO ARRINCOU A SEGUNDA EDICIÓN DA CAMPAÑA DAS PANCHAS, A MOEDA LOCAL RIBADENSE, QUE PODERÁ EMPREGARSE EN MÁIS DUN CENTO DE LOCAIS HOSTALEIROS E COMERCIOS ATA O 1 DE DECEMBRO.

Hoxe arrinca a segunda edición da campaña das Panchas, a moeda local ribadense. En Abanca xa poden cambiarse 30 euros por 40 panchas para gastar no comercio e na hostalería locais ata o vindeiro 1 de decembro. Na primeira hora xa se achegaron 50 persoas á oficina de ABanca a mercar as panchas. Na entidade bancaria estiveron esta mañá o alcalde, Fernando Suárez; o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso; o xerente de Acisa, Jesús Pérez; e a secretaria da asociación, María Antonia López.

O rexedor ribadense declarou que “está tendo un enorme interese por parte da cidadanía porque estamos a primeira hora adquirindo os primeiros lotes de panchas e antes ca nós xa veu moita máis xente, o que demostra que esta iniciativa que levamos adiante desde o Concello de Ribadeo se vai notar o seu impacto na economía local, fundamentalmente no comercio e na hostalería”.

Fernando Suárez lembrou que “son máis de cen os establecementos que participan nesta nova edición, que levamos adiante cunha inversión do Concello de Ribadeo duns 37.000 euros e que vai xerar un movemento mínimo económico de 150.000 euros. Todo isto tamén o podemos facer grazas ao apoio e á colaboración tanto da entidade Abanca, que se presta para que estas cuestións técnicas resulten con total fiabilidade e seguridade, e tamén co apoio humano e técnico de Acisa, da asociación de comerciantes de Ribadeo, que sen eles sería moi complexo levar adiante esta iniciativa do Concello con toda esta achega económica”.

O alcalde convida “a todos os que, sendo de Ribadeo ou non sendo de Ribadeo, queiran vir comprar a Ribadeo máis por menos, é dicir, con 30 euros obterán 40 panchas, que lle vai dar un valor enorme ao seu diñeiro para investir en Ribadeo, para comprar en Ribadeo, con consumo local, con produto local. Quero polo tanto convidar a todo o mundo, sexa de Luarca, de Barreiros, de Viveiro, de Vilaframil, de Oviedo ou de Vigo, de onde queiran, que poden vir ata o 1 de decembro a comprar e a consumir en Ribadeo”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, manifestou que “desde Acisa Ribadeo compartimos a opinión e as expectativas do Concello de Ribadeo. Estamos moi contentos e nunha hora e pouco hai máis de cincuenta packs vendidos. Queremos animar á xente a que acuda a Abanca a canxear eses 30 euros por 40 panchas”.

Pérez Prada dixo que “cremos que é unha oportunidade moi importante para que, durante as próximas semanas, se poida aproveitar para facer as compras que son necesarias. Queremos animar tanto aos veciños do municipio como da comarca e doutros lugares, que poden deixar o seu DNI aquí a un familiar ou a un coñecido para que lles colla panchas e poder desfrutalas cando volvan vir a Ribadeo, ata o 1 de decembro”.

O xerente de Acisa engadiu que “hai máis de cen establecementos participantes de todos os sectores e pódese atopar de todo. Como dicimos en Acisa somos un centro comercial aberto coas mellores vistas, así que aproveitemos iso, que podemos dar un paseo para comprar, para tomar algo ou para cear, e ademais ata o 1 de decembro con panchas”.