Malestar entre os negocios da rúa San Roque, de Ribadeo, tras o escape de gas

216

MALESTAR ENTRE OS NEGOCIOS DA RÚA SAN ROQUE, DE RIBADEO, TRAS O ESCAPE DE GAS QUE SE PRODUCIU PASADAS AS CATRO DA TARDE

ACISA DENUNCIA O CAOS VIVIDO, XA QUE A EMPRESA QUE REALIZA AS OBRAS DE REMODELACIÓN DESE VIAL NON FOI QUEN DE REACCIONAR DIANTE DESTA SITUACIÓN

Malestar entre os negocios da rúa San Roque, de Ribadeo, tras o escape de gas que se produciu pasadas as catro da tarde. Acisa denuncia esta situación e o perigo que supuxo tanto para os veciños e veciñas como para os locais comerciais e hostaleiros desa vía.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, que ten o seu negocio desa rúa explica o sucedido: “pasadas as catro da tarde comezamos a notar un forte cheiro a gas diante da nosa porta, incluso se escoitaba perfectamente o escape. Os traballadores da empresa que está a realizar esta importante obra, que é Copcisa, non foron capaces de desaloxar aos veciños e veciñas da rúa San Roque, non tiveron ningunha capacidade de reacción. Fomos os propios empresarios e traballadores os que nos encargamos de avisar á veciñanza, a unha ludoteca que está aí ao lado, tivemos que parar o tráfico. Non foron quen nin de avisar ao Concello”.

Iriarte seguiu a relatar que “a empresa do gas tardou arredor de 45 minutos ou máis en chegar e os bombeiros uns 40 minutos, pero neste caso non sabemos cando foron avisados. A Policía Local tardou bastante en chegar á zona. O cheiro a gas era moi forte. Sabemos que cando hai obras poden producirse algúns problemas coma este, pero hai que ter capacidade de reacción por parte de calquera empresa que sexa seria”.

Para o presidente de Acisa “xa non é o normal que nunha obra deste calibre estea a ser realizada por dúas ou tres persoas. Suponse que ten que estar rematada a finais de xuño ou principios de xullo, antes da festa indiana. E visto o visto empezamos a ter serias dúbidas. Alguén deberá responsabilizarse de todo isto”.

Francisco Iriarte considera que “a empresa debe facerse cargo dos prexuízos ocasionados ás empresas da rúa San Roque esta tarde, porque estiveron moito tempo sen poder traballar”.

Desde Acisa agradecen a actuación de Viaqua, de Protección Civil de Ribadeo e dos bombeiros do parque comarcal de Barreiros, “xa que a incapacidade amosada polos tres operarios de Copcisa e da empresa subministradora do gas, facía prever o peor e que incluso puidera haber unha desgracia”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, engade que “fomos as persoas que estabamos na zona, nas empresas e na rúa, as que tivemos que organizar o caos que se estaba a vivir e a resposta que obtivemos por parte dos operarios foron malas palabras e unha falla de educación e respecto total e absoluta. Entendemos o nerviosismo que un escape de gas pode ocasionar, pero o que non se deben perder son os bos modais”.

Ás cinco e media da tarde aproximadamente traballadores e empresarios puideron volver aos seus postos.

Malestar entre os negocios da rúa San Roque, de Ribadeo, tras o escape de gas