VI Cea de Gala

48

MÁIS DE 100 PERSOAS ASISTIRON A PASADA NOITE Á VI CEA DE GALA DE ACISA NA QUE FORON PREMIADOS O EMPRESARIO ANTONIO PERTEJO E O RESTAURANTE A COFRADÍA DE RINLO.

Máis de cen persoas asistiron onte á noite no hotel restaurante Voar, de Ribadeo, á VI Cea de Gala da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, na que foron premiados como ribadense honorífico o empresario Antonio Pertejo e como socio de honra o restaurante A Cofradía de Rinlo.

Algo despois das dez da noite deron comezo os discursos do presidente de Acisa, David Martínez; do presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano; da responsable da Área de Economía, Facenda e Recadación da Deputación Provincial de Lugo, Mayra García; do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; e o do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez. Todos coincidiron en destacar a labor realizada por Acisa Ribadeo e a importancia da colaboración entre as diferentes administracións e o empresariado local. E todos se comprometeron a seguir traballando nesta liña.

Tras a cea no tempo dos postres o alcalde, Fernando Suárez, entregoulle o premio a Antonio Pertejo, como ribadense honorífico, e o presidente de Acisa, David Martínez, fixo o propio con Gerardo Martínez, propietario do restaurante A Cofradía de Rinlo, que recibía o premio como socio de honra. Ambos recolleron sendas figuras de cerámica e agradeceron este recoñecemento.

A velada estivo animada polo mago Roberto Lolo, que deleitou aos asistentes con diferentes trucos de maxia para os que solicitou a colaboración de varias persoas do público.

Todos os que acudiron á VI Cea de Gala recibiron un obsequio conmemorativo de Acisa.