A APP DE ACISA RIBADEO CERCA DE TI XA REXISTROU 400 USUARIOS NOS TRES PRIMEIROS DÍAS DE FUNCIONAMENTO E 20.000 PERSOAS XA A COÑECEN.

A app Ribadeo cerca de ti, posta en marcha por ACISA, rexistrou 400 usuarios nos tres primeiros días de funcionamento e máis de 20.000 persoas xa a coñecen. Estes sons os datos que manexa a asociación. ACISA fai un balance moi positivo deste arranque da aplicación.

O xerente de ACISA, Jesús Pérez, contou que “estamos moi satisfeitos do recibimento que está tendo a app entre os veciños e visitantes. Xa son 400 usuarios rexistrados en tan só tres días, cunha tendencia á alza, o que nos indica que, a finais de mes, a cifra de usuarios pode ser moi importante. Ademais estamos moi contentos porque os primeiros indicadores que temos dinnos que non só se descarga senón que se está utilizando moito. As guías de socios por sectores son as funcións máis consultadas, seguidas da fidelización e das ofertas. Tamén destacan as consultas de información de interese, o que nos sinala que está funcionando moi ben tanto entre os veciños, que ata agora son quen máis a están descargando, como por parte dos visitantes que recibimos nestas datas”.

Jesús Pérez sinalou que “ademais estamos vendo que a app suscita moito interese, 20.000 persoas xa a coñecen e séguena a través de Facebook desde este luns, o que mostra que hai un público obxectivo ao que podemos chegar. Nos vindeiros días temos a intención de reforzar a promoción para que ese interese se converta en novos usuarios”.

Pola súa banda o presidente de ACISA, Francisco Iriarte, declarou que “estamos tamén moi contentos coa implicación dos asociados, as súas opinións están sendo boas e ven a app como unha ferramenta moi útil. Xa nos chegaron as primeiras ofertas exclusivas para publicar na aplicación e moitos interesáronse para facer cambios nos seus apartados. É unha app moi completa e entre as funcións que se poden atopar conta cun apartado específico creado pola aparición do Covid no que os visitantes terán o enlace da Xunta para rexistrarse nas súas chegadas a Galicia, así como a información das normas vixentes en Ribadeo. Ademais, durante un mes, todas as persoas que entren na aplicación e que se rexistren, entrarán no sorteo de dúas tablets de última xeración”.

ACISA Ribadeo lembra que para descargar esta aplicación en Android pódese buscar no PlayStore do dispositivo, lendo o código QR promocional co móbil desde o enlace web de Facebook.

O xerente de ACISA lembrou que “unha función novidosa da app é a chamada tarxeta CCA. Trátase dun sistema que substituirá ao tradicional método de tarxeta selo, moi utilizado por comercios e bares para facer promocións ou dar premios por compras. Tamén temos outro apartado moi interesante onde se pode descargar de forma inmediata o pase para visitar a praia de As Catedrais”.