ACISA Ribadeo convoca asemblea xeral ordinaria para o 27 de febreiro. Así o acordou a xunta directiva na súa última reunión.

15

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e
Autónomos de Ribadeo celebrará o próximo 27 de febreiro a súa asemblea xeral
ordinaria.

Segundo indicou o xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez: “no día de hoxe vimos de
notificar aos nosos socios e socias a convocatoria da asemblea xeral ordinaria
correspondente o ano 2024. Esta cita tara lugar o 27 de febreiro no Cine Teatro de
Ribadeo ás 20:20 horas en primeira convocatoria e 20:30 en segunda”.
Os asuntos que se abordarán son a lectura e aprobación, se procede, da acta da
asemblea xeral ordinaria celebrada o 29 de marzo de 2023; lectura e aprobación, se
procede, da conta xeral de ingresos e gastos do exercicio pasado, o de 2023; estado da
asociación; análise e valoración das actividades realizadas no pasado exercicio; informe
e aprobación, si procede, do orzamento ordinario para 2024; informe da programación
de actividades previstas para este ano; informe dos festivos e domingos de apertura en
2024 e ampliacións horarias; rogos e preguntas. “Como novidade despois de varios
anos, abordarase tamén a celebración da gala anual de Acisa Ribadeo, na que xa se está
a traballar para recuperar neste 2024”.

Temporal
Sobre os efectos ocasionados pola borrasca Karlotta na xornada de onte a presidenta de
Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “durante a pasada xornada vivimos un episodio
meteorolóxico adverso, que ocasionou decenas de micro cortes eléctricos durante a
mañá así como un apagón de tres horas e media. Tamén se viu afectada a telefonía
móbil e fixa. Foron moitas as perdas económicas sufridas polos restaurantes, que
estaban a dar as comidas á súa clientela, e tamén pode haber danos ocasionados por
eses cortes de luz en materiais eléctricos ou electrónicos. Polo que dende Acisa Ribadeo
recomendamos que revisen o estado de todos os aparatos así como dos inmobles e de
ser o caso se poñan en contacto cos seus seguros para reclamar os danos ocasionados
por esta borrasca”.

E engadiu: “dende a xerencia de Acisa na xornada de onte estívose en permanente
contacto cos nosos socios e socias co fin de mantelos informados da mellor maneira
posible das novidades que ían xurdindo ao longo do dia e por suposto para atender as
necesidades que cada negocio puidera ter, como podía ser a busca de xeradores
eléctricos ou a solución doutras incidencias. Do mesmo xeito tamén estabamos en
permanente contacto co Concello para coñecer o estado da problemática ocasionada
por ese apagón eléctrico”.