Nova xunta directiva

292

FRANCISCO IRIARTE É O NOVO PRESIDENTE DE ACISA RIBADEO

A XUNTA DIRECTIVA PARA OS DOUS VINDEIROS ANOS FOI PRESENTADA NA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA CELEBRADA ESTA TARDE

Acisa Ribadeo ven de renovar a súa directiva para os dous vindeiros anos. Francisco Miguel Iriarte Quintana é o novo presidente, cargo que xa ostentou noutras dúas ocasións; como vicepresidente seguirá Juan Antonio Fernández Andina, a tesoureira é Manuela Torviso Pérez, que ocupa este posto desde hai máis de dez anos; e a secretaria é María Antonia López Lens, que é unhas das novas incorporacións.

Como vogais continúan: María Rocío Pertejo Vispo, Eladio Veleiro Fernández, Ramón Loredo Fernández e José Antonio Lombardero Bellón aos que se une David Martínez Martínez, o presidente de Acisa Ribadeo nos últimos dous anos. Xunto a eles estarán como novas incorporacións Roberto Rivas Tomé, ex presidente tamén de Acisa Ribadeo; Leopoldo Trenor López; Carmen Cruzado Iglesias; e Diego Valcarce Beague.

Nesta xunta directiva están representados os principais sectores da asociación, con dous membros do sector servizos, sete do comercio e catro da hostalería, que afrontan dous anos de traballo (ata o 2020), tal e como establecen os estatutos da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo.

Tras a asemblea celebrada esta tarde o novo presidente de Acisa Ribadeo, Fracisco Iriarte, agradeceu o traballo da anterior directiva: “en especial ao ex presidente, David Martínez, por estes dous anos e uns meses de traballo, e por querer seguir formando parte desta nova directiva como vogal. Grazas polo seu apoio e por todo o realizado á fronte da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo. E tamén quero salientar a labor de Emma Álvarez, Manuel Vázquez (El Farero) e Rocío Martínez. As súas obrigas profesionais ocasionaron a decisión de saír da directiva de Acisa, deixando paso a outros socios e socias do colectivo, que quixeron dar un paso á fronte para traballar polo ben desta asociación e de Ribadeo”.

Iriarte Quintana afronta esta nova etapa co obxectivo de manter as cousas positivas que se conseguiron ao longo dos últimos anos e de seguir traballando nas pendentes. Para poder levar todo este traballo adiante conta co respaldo da nova directiva, que estarán organizados en tres grupos de traballo, segundo ao sector o que pertenzan: comercio, hostalería e servizos.

Na estrutura da nova xunta directiva hai poucos cambios. Seguen todas as persoas da pasada que así o decidiron e aos que as súas circunstancias laborais llelo permiten. Ademais Acisa Ribadeo mantén a paridade nos principais postos desta xunta.

De forma inmediata a nova xunta directiva porase a traballar. O xerente, Jesús Pérez, informou na asemblea desta tarde das actividades programadas, das xuntanzas previstas e doutras cuestións do funcionamento interno da asociación.