Sesenta e oito equipos procedentes de sete países se darán cita en Ribadeo os días 27 e 28 de maio no XVII Torneo de Fútbol de Veteranos, que reunirá neste concello e nos limítrofes a unhas dúas mil persoas.

72

Os días 27 e 28 de maio terá lugar o XVII
Torneo Internacional de Fútbol de Veteranos Vila de Ribadeo, que organiza a
asociación de veteranos do Ribadeo FC. O evento foi presentado no salón de
plenos do Pazo de Ibáñez.

Segundo os organizados neste evento daranse cita 68 equipos: 6 portugueses,
1 irlandés, 2 paraguaios, 1 arxentino, 1 brasileiro, 2 franceses (un deles da illa
Mayotte, que está no océano Índico) e o resto españois (de Andalucía, Madrid,
Castela-León, Cantabria, Asturias e Galicia). Os organizadores estiman que
entre todos os equipos desprazarán a Ribadeo a máis de 2.000 persoas.
Na quenda de intervencións o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, sinalou:
“desde o Concello de Ribadeo queremos dar, outro ano máis, o noso caloroso
recibimento a toda esta xente que fai posible este torneo, tan grande, tan
internacional e tan importante, tanto para o fútbol como para Ribadeo”.

O rexedor dixo que “este torneo, que organiza a Asociación de Veteranos do
Ribadeo Fútbol Club, ten o apoio das institucións públicas e entre todos vamos
facer que Ribadeo sexa un lugar cunha grande intensidade de xente de fóra, de
aquí e de acolá, durante uns días, o que vai ser algo impresionante para vivir,
tanto nos partidos que se celebrarán en Ribadeo e nos concellos dos arredores
como para comprobar que a hostalería e o comercio se van ver notablemente
impulsados por este acontecemento”.

O xefe territorial de Deportes, Manuel Otero, comentou: “temos que darlles a
benvida a todos os protagonistas, a todos os deportistas, a todos os clubs que
nos van visitar desde distintos países, desde diferentes puntos da xeografía
nacional e tamén algún equipo galego. A todos os deportistas voulles pedir que
veñan a disfrutar do deporte e a demostrar que son un exemplo de xogo limpo,
que saiban competir e gañar, pero sobre todo que saiban perder”.

Tamén tomou a palabra o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, quen explicou
que “este ano xa son 68 equipos de diferentes nacionalidades e por parte do
Concello apoiamos no que podemos e agradecemos moito o esforzo que fai a
asociación de veteranos do Ribadeo FC, que é algo moi importante porque é un
evento que toca non só a Ribadeo, que estará a tope, senón tamén a outros
concellos da zona porque van competir en diferentes instalacións de distintos
municipios”.

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, sinalou: “quero agradecer a presenza e
dar a benvida a todos os clubs participantes neste Torneo Internacional de
Veteranos, que xa vai pola súa décimo sétima edición, e que supón un pracer e
un orgullo para o Concello de Ribadeo poder acollelos aquí, no noso concello e
nos limítrofes”. E subliñou: “imos ter a nosa vila chea eses días e tamén os
concellos da contorna. Serán arredor de 2.000 persoas ás que se darán cita en
Ribadeo, chegadas desde diferentes latitudes do mundo. Isto suporá unha
importante dinamización da nosa economía e pídolles a todos que disfruten e
que difundan aló por onde vaian todas as nosas marabillosas virtudes como
grandes acolledores”.

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, manifestou: “desde Acisa
Ribadeo estamos encantados de colaborar, un ano máis, con este torneo
internacional Vila de Ribadeo, que organiza a Asociación de Veteranos do
Ribadeo FC. É a 17ª edición, sabemos que vai mover a moita xente e iso supón
algo moi importante para o comercio, para a hostalería e para os hoteis da
Ribadeo”. E engadiu: estamos encantados de recibilos a todos eles, agardamos
que disfruten da súa estadía entre nós e animamos aos organizadores a seguir
traballando neste sentido porque Acisa seguirá tamén remando na mesma
dirección”.

Desde a asociación de veteranos do Ribadeo FC o seu presidente, Juan
Rodríguez Peceux, indicou que “desde a organización só nos queda agradecer a
todos aqueles que fan posible que este torneo siga crecendo e que ano tras ano
poida encher Ribadeo e as comarcas limítrofes. Quero desexarlles a todos os
participantes que veñan a divertirse e a coñecer moito a zona na que van estar”.
No acto de presentación participaron tamén o xerente de Acisa Ribadeo, Jesús
Pérez, e o técnico municipal de Deportes, Iván López.