III xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo

63

AS TERCEIRAS XORNADAS GASTRONÓMICAS ASTURIAS EN RIBADEO, QUE ORGANIZA ACISA, CELEBRARANSE DO 28 AO 30 DE ABRIL.

NA CITA PARTICIPAN 21 LOCAIS HOSTALEIROS.

Do 28 ao 30 de abril terán lugar as terceiras xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que organiza Acisa e nas que participan 21 locais hostaleiros.

Os que se acheguen a Ribadeo eses días atoparán unha grande variedade de produtos gastronómicos típicos asturianos, desde menús fin de semana ou menús degustación ata racións, tapas e pinchos dos pratos máis representativos da veciña Asturias.

Ademais haberá ambientación de música asturiana polas rúas de Ribadeo. O venres, día 28, a partir das 20:30 horas correrá a cargo do grupo Brisas del Eo, de Abres; o sábado a mediodía e ao solpor a nota musical poñeraa o grupo de gaitas El Trasno, de Coaña; e xa o domingo a mediodía a banda de gaitas Subela será a encargada de animar Ribadeo e as zonas de bares dentro destas terceiras xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo.

Os locais participantes nesta cita son: A Dorada, O Bodegón, O Cabazo, Costa Verde, Oviedo Bar II, hotel Rolle, Galipizza, Queimada, Cienfuegos, Breoghan, La Cuchara de Palo, A Menchina, Rosa Lar, Malo Será, La Botellería, La Lira, Mediante, Mareta, A Ribeira, Porta Norte e La Quinta.

acisaribadeo-noticias-3jornadasasturiasenribadeo-20170421-02

O presidente de Acisa, David Martínez, contou que “por terceiro ano consecutivo Acisa consegue achegar un pouco máis Asturias a Ribadeo. Temos unhas xornadas especiais coa súa gastronomía, que cremos que é unha das mellores gastronomías das comunidades autónomas, entón gozaremos de todas as súas propostas en Ribadeo. Hai 21 locais participantes, e ademais vai haber moita animación musical e todo inspirado nos nosos veciños asturianos”.

Martínez convida a vir a Ribadeo a saborear as propostas que atoparán nos establecementos participantes: “dicirlles aos veciños asturianos que veñan a gozar da súa gastronomía en Ribadeo. Aquí temos grandes restaurantes nos que poden comprobar que ben o fan. Ademais poderán gozar tamén das tendas, das compras, que veñan a vindeira fin de semana a Ribadeo. Coincide na ponte do primeiro de maio así que toda a xente que veña de fora, xa que hai ponte en Madrid e noutras comunidades autónomas, terá a oportunidade de descubrir en Ribadeo a gastronomía de Asturias”.

As terceiras xornadas Asturias en Ribadeo foron presentadas polo presidente de Acisa, David Martínez, e polo xerente, Jesús Pérez.

acisaribadeo-noticias-3jornadasasturiasenribadeo-20170421-03